O DÍA DE SAN TELMO
Para Xoán 4 de 5
O segundo luns da Pascua, este ano 2013 o día 9 de abril, celebrouse en Tui a festa de San Telmo. E tamén, como vén sendo cada ano, a Feira dos cabalos. A oportunidade desta Feira seica ten que ver co recordo da caída do cabalo de San Telmo cando, facendo gala da súa xuventude, ía moi engalanado e fachendoso a tomar posesión como Deán da Catedral de Astorga, o cabalo chantouno nun lameiro que o emporcou de cheo e provocou a risa da xente que se reunira para velo pasar.
Xosé, “O Pillapiscos”, que tiña un fato de cabalos ceibes no monte da Groba pois tiña a casa no lugar do Urgal, na parroquia de Belesar, non puido ir naquel día a Tui como tiña por costume. Quedoulle un aquel no corpo e para ripalo uns días despois colleu camiño co pensamento de dar unha volta polas ribeiras do Miño que tanto agarimaba o San Telmo e de paso faría un bo xantar para celebralo pois “todos os santos teñen oitava”.
A media mañá, O Pillapiscos baixou á Ramallosa e demorou un pouco mirando para a ponte románica que contan foi feita por San Telmo e que cando a estaban a facer e el predicando aconteceu unha tormenta e os que estaban a escoitar fuxían co medo pero el estendeu as mans e abriuse un claro sobre as xentes que a pesar de seguir chovendo non se mollaban, e polo menos no centro da ponte dedícaselle unha figura de pedra que o representa. Nesta ponte danse os requisitos esixidos para a celebración de bauticeiros de nenos no ventre da nai antes de nacidos -atravesa de norte a sur o río que corre de nacente a poñente- estas condicións danse igualmente na Ponte da Barca do veciño Portugal no que tamén se fan estes bauticeiros.
Logo colleu camiño de Tui polo alto de San Antoniño e parou na igrexa dedicada
ao santo, de estilo Manuelino –Barroco Portugués- e construída no lugar onde
tivo a súa morada.
E coa
idea de facer unha excursión polo Miño,
encarou a Guillarei para coller a estrada que vai a carón do río e por iso
chamábanlle ou chámanlle “a paralela” e parar para xantar nalgunha vila da
ribeira. Pensou na lamprea que tan ben a preparan en Sela, din que son as de
mellor sabor que dá o río, nas Neves, pero desbotou aidea pois lembrouse de que “xa oíran cantar o cuco”. Tampouco era tempo doutros peixes coma a zamborca que é do verán, e o meixón ¡carallo co prezo! , así que se lembrou de que alguén lle falara de que en
Cortegada de Baños había un lugar onde tiñan e preparaban moi ben as anguías e
Cortegada quedaba de camiño e alá foi. Pasou o río pola Ponte de Filgueira, non
a pé como din que o pasou o Santo para ir de Tui a Guimaraes onde tiña a súa
Sede, pero non era na vila de Cortegada onde estaba o lugar das anguías senón na
Adega Val do Deva en Valongo, polo que foi pola estrada que vai bordeando a
ribeira do encoro que fixeron no río no lugar de Frieira e chegou ata “a raia
seca” que separa de Portugal, entre Pontebarxas e San Gregorio. As anguías fritidas
estaban “de pp y doble u” dixo o Pillapiscos como disque dicía en
Pontevedra a “xente fina”.
Facíase tarde para achegarse a Castrelo do Miño, onde
tamén o Santo fixera unha ponte e unha pesca milagreira para darlle de xantar aos
que traballaban na ponte, así é que pasou a tarde no Balneario de Cortegada que
agora chegan ata el as augas do encoro de Frieira.
¡Pero non deixou dun lado o Santo!
pois unha filla dun médico descendente dos propietarios do Balneario ofreceulle
unha cervexa na súa casa e alí apareceu
o Santo. Un fermoso retrato feito polo pintor Urbano Lugrís para o oratorio
que o médico tiña no hospital de Santiago.


No hay comentarios:
Publicar un comentario