jueves, 4 de octubre de 2012

OS FERRADORES DA PONTE DA RAMALLOSA


 

                                                                                                                     Para Xoan 3 de 5

 
Aínda non hai moito tempo había nada menos que dous ferradores na praciña que dá entrada á Ponte de San Telmo camiño de Sabarís polo chamado Camiño Real, que atravesa o monte das Escobichas baixa polo barrio de Viso de Calvos, e pola outra banda sobe pola Cabreira a San Pedro formando a ruta por onde peregrinaban os romeiros que, dende A Guarda, collían o chamado  “Camiño de Santiago pola Costa”.


 Foran tempos nos que non fallaba o traballo. Protexíanse as uñas das bestas  cunhas pezas de ferro, de aí o nome de ferradura, que forxaban os ferreiros e puñan os ferradores. Ferrábanse todas, tanto as cabalerías coma as de tiro ou carga, fosen cabalos, mulas ou burros. E tamén se ferraban, con outro modelo de ferradura chamado canelo, os bois e as vacas que tiraban do carro ou do arado. As ferraduras para os cabalos, mulas e burros tiñan unha forma moi especial para adaptase á uña, pezuño ou  do casco destes équidos ungulados (A forma tan especial desta peza pasou ao debuxo  xeométrico co mesmo nome de “ferradura”). O ferrador limpaba e axeitaba as uñas da besta co puxavante para que asentase ben a ferradura que cravaba preto do borde da uña de modo que as puntas dos cravos  salientasen e dobrándoas quedase a peza mais asegurada. As ferraduras que amosaban sete buratos para sete cravos tiñan sona de dar boa  sorte e librar do meigallo e mal de ollo por iso moita xente colgábaas nas portas dos cortellos, os hórreos e aínda das casas.
As ferraduras para os bois e vacas eran de dúas pezas para aseitalas en cada pezuño de cada unha das patas. Eran pois, da dereita ou da esquerda e de ambas as dúas salientaba unha tira que se metía entre os dous pezuños de cada pata e dobraba sobre eles para que ficaran firmes ademais de cravalas coma as dos cabalos.
Os tempos foron cambiando. Comezaron a non deixar circular os carros tradicionais polas estradas por mor de que as lamias de ferro que levaban as rodas,  estragaban os pavimentos. Logo, que o gando, por razóns sanitarias, cumpría que non estivese nos cortellos da casa ou a carón dela e fose estabulado en condicións sanitarias adecuadas. Así é que o transporte con animais foi decaendo en prol dos novos medios mecánicos e automóbiles e os ferradores viron como a súa actividade ía tamén decaendo.
Tamén foron decaendo os ditos referidos as ferraduras. Agora ninguén di dos que amosan os sinos do seu mal na faciana que “ten as ferraduras da morte”.

Os ferradores da ponte da Ramallosa, que eran dos bos, non daqueles que dan unha no cravo e cento na ferradura”, quedáballe cada vez máis tempo libre que enchían con horas de vagar. A un deles, o chamado Cipriano, non era raro, era habitual, miralo no Bar Galicia pois tiña o seu local debaixo da terraza do bar onde tiña o “potro”, unha especie de gaiola ou armazón de madeira, estreito, do ancho dunha besta, aberto por unha das cabeceiras por onde entraba o gando e prendíase polos cornos, se era boi ou vaca, na outra cabeceira, e as ferramentas para desenvolver o seu traballo, ben na terraza que asomaba á eira da praza, ou na beirarrúa da estrada de Gondomar ao lado da porta do Bar, ou dentro del mirando xogar as partidas de cartas ou de dominó nas que os seareiros decidían quen había de pagar o gasto do café ou da copa que consumiran. Iso se non estaba a durmir, cousa que facía a miúdo, sempre sentado na cadeira do mesmo xeito, a carranchapernas do respaldo no que apoiaba os brazos cruzados e mais a cabeza se durmía e non había parede para recostar o lombo.
O outro, Pepe o Ferrador, tiña o local no baixo da antiga Farmacia de D.Andres Abal onde aínda agora consérvase o “potro” de traballo.
O camiño que leva ata o esteiro de Foz pasando polos Cotros de abaixo dende a costa que sube a Mallón leva o nome Rúa Ferrador.

 

 

          

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario