O Meigallo de
Pedornes
Para Xoán 5 de 5
Unha das moitas vilas ou lugares (en Galiza mais de medio cento) onde se
rende culto a San Maméde é na vila de Pedornes.
Pedornes é unha parroquia do concello de Oia (Pontevedra) que se acubilla
nas terras de labranza e hortas das chans que se asentan entre o monte da Groba
e o mar da Punta Orelluda no litoral Atlántico. É pois lugar de mariñeiros
afeitos a loitar cos perigosos embates do mar para recoller peixe na mar aberta
ou o marisco antros penedos da costa onde baten as ondas que levantan os ventos
e brúan unha musica escrita nos pentagramas das brancas escumas. Tamén é lugar
de hortas onde se sementa millo, para pan ou para o gando, patacas, ervellas,
fabas, feixóns,.... e demais, hortalizas para completar ou suplir o peixe cando
as condicións do mar non son as axeitadas para pescar ou mariscar.
O día 17 de agosto a parroquia celebra as honras do seu patrón San Maméde,
un mártir, que esnaquizaron os leóns, de terras de tan lonxe como a Capadocia,
que se lle rende culto en moitos lugares de España coma avogado dos lactantes
(Maméde parece que derivou de “o que foi amamantado”), dos osos e en Muero
(Zaragoza) das hernias.
Contaba “o cascapiñeiros”, que
traballaba na corta da madeira dos montes de man común que os veciños
xestionaban na Groba, que nos días 17 de agosto sempre chovía por un meigallo
que lle votou as festas unha veciña. A tal veciña vivía nunha casa preto do
lugar onde de facía a festa e cando os maiordomos decidiron cambiala de lugar,
ela, que non era gustante de que a aloxaran
da súa casa, votoulle o meigallo: Había de chover o día da festa ata que
volvese a facerse no sitio anterior. E o meigallo cumprirase ano a ano dende facía trinta
anos que “o cascapiñeiros” chegara a
bisbarra para casar cunha moza do lugar.
Mentres “o cascapiñeiros”
contaba esta historia, unha tirada de foguetes de grandes estralos anunciaba a
saída ó atrio do santo enriba das andas para dar volta arredor da capela en
procesión, unha tromba de auga de chuvia e un forte vento, cumpría tamén naquel
ano, co meigallo.