Para Xoan 3 de 5
Aínda non hai moito tempo había nada menos que
dous ferradores na praciña que dá entrada á Ponte de San Telmo camiño de Sabarís
polo chamado Camiño Real, que atravesa o monte das Escobichas baixa polo barrio
de Viso de Calvos, e pola outra banda sobe pola Cabreira a San Pedro formando a
ruta por onde peregrinaban os romeiros que, dende A Guarda, collían o chamado “Camiño de Santiago pola Costa”.
As ferraduras para os
bois e vacas eran de dúas pezas para aseitalas en cada pezuño de cada unha das
patas. Eran pois, da dereita ou da esquerda e de ambas as dúas salientaba unha
tira que se metía entre os dous pezuños de cada pata e dobraba sobre eles para
que ficaran firmes ademais de cravalas coma as dos cabalos.
Os tempos foron cambiando.
Comezaron a non deixar circular os carros tradicionais polas estradas por mor
de que as lamias de ferro que levaban as rodas,
estragaban os pavimentos. Logo, que o gando, por razóns sanitarias,
cumpría que non estivese nos cortellos da casa ou a carón dela e fose
estabulado en condicións sanitarias adecuadas. Así é que o transporte con
animais foi decaendo en prol dos novos medios mecánicos e automóbiles e os
ferradores viron como a súa actividade ía tamén decaendo.
Tamén foron decaendo os
ditos referidos as ferraduras. Agora ninguén di dos que amosan os sinos do seu
mal na faciana que “ten as ferraduras da morte”.
Os ferradores da ponte da Ramallosa, que eran dos bos, non daqueles que “dan
unha no cravo e cento na ferradura”, quedáballe cada vez máis tempo
libre que enchían con horas de vagar. A un deles, o chamado Cipriano, non era
raro, era habitual, miralo no Bar Galicia pois tiña o seu local debaixo da
terraza do bar onde tiña o “potro”, unha especie de gaiola ou armazón de
madeira, estreito, do ancho dunha besta, aberto por unha das cabeceiras por
onde entraba o gando e prendíase polos cornos, se era boi ou vaca, na outra
cabeceira, e as ferramentas para desenvolver o seu traballo, ben na terraza que
asomaba á eira da praza, ou na beirarrúa da estrada de Gondomar ao lado da
porta do Bar, ou dentro del mirando xogar as partidas de cartas ou de dominó
nas que os seareiros decidían quen había de pagar o gasto do café ou da copa
que consumiran. Iso se non estaba a durmir, cousa que facía a miúdo, sempre sentado
na cadeira do mesmo xeito, a carranchapernas do respaldo no que apoiaba os
brazos cruzados e mais a cabeza se durmía e non había parede para recostar o
lombo.
O outro, Pepe o Ferrador, tiña o local no baixo da antiga Farmacia de
D.Andres Abal onde aínda agora consérvase o “potro” de traballo.
O camiño que leva ata o esteiro de Foz pasando polos Cotros de abaixo dende
a costa que sube a Mallón leva o nome Rúa Ferrador.