viernes, 17 de agosto de 2012

O SAN LOURENZO DE BELESAR


O San Lourenzo de Belesar

                                                                                                         Para Xoán 2 de 5     



Vivía na parroquia de Belesar do Concello de Baiona un home máis ben pequeno, forte, tirando a groso e cunha calva grande e brillante coma unha lúa chea do mes de setembro que cubría cunha pucha daquelas de pouco voo pois non ia máis alá de onde remataba a calva e comezaba o pelo. Chamábase Manuel Blanco pero cando falaban del tirábanlle polo alcuño de “o xuíz”. Tiña oficio de carpinteiro e traballaba nunha fábrica de vidro que había na entrada de Vigo, preto da estación dos tranvías de Vigo a Baiona chamada a Florida, e nela baixaba, os días que ía traballar que eran todos menos os domingos e “festas de gardar”, coma se dicía naquel entón, unha hora despois de coller ás seis da maña en Sabarís o primeiro tranvía e facendo o percorrido de volta ás seis do serán.

Tocaba a tuba ou o trombón na Banda de Música de Belesar, unha das que animaban as festas da bisbarra en competencia coas moitas que houbo sempre no Val do Miñor, case unha en cada parroquia –Mougás, Baiona, Vilaza, Chaín, Vincios, ……-, que coas “parrandas” que formaban para o Nadal ou Reis daban saída ás afeccións musicais dos veciños. Os rapaces facíano cabrear zugando limóns diante del para que a saliva lle fixese trabucar as notas da música, xa fose no palco, no pasacalle ou na procesión. Cando puña o uniforme da Banda era das poucas veces que cambiaba a pucha pola gorra de prato, pois a pucha non a tiraba da cachola máis que para limpar a suor, saudar alguén importante ou entrar na igrexa.

Casara cunha muller, tamén baixa e repoluda, loura de pelo que peiteaba en rizos “de permanente” semellando as melenas dun león e de pel moi branca como lle gusta presumir aos homes. Era filla duns emigrados, como non, que aprenderan nas Américas o oficio de chocolateiros que coma algúns outros asentáranse no barrio O Telleiro o carón da ponte da Xunqueira. Gustáballe invitar os rapaces a tomar o chocolate con boloardo, dos que facía Laureana ou Copena en Gondomar, porque non era doado encontrar os churros.                 

O abade de Belesar, que era irmán de D. Carlos Valverde que foi moitos anos  Alcalde do Concello de Nigran e cando viña visitalo baixaba dende Belesar montado nun cabalo de bonita feitura, confiaba moito no “Xuíz” por iso tiña as chaves da sancristía por se, como pasaba por veces, tiña que reparar algún santo ou santa, un retablo, un banco ou un altar, exercendo o  seu oficio de carpinteiro. Unha vez, en vésperas da festa de San Lourenzo que se celebra o dez do mes de agosto, o “Xuíz” púxose a recompoñer un santo que estaba gardado na sancristía para que lucise na procesión que paseaba arredor da igrexa e pouco máis acompañado dos devotos e ofrecidos, algúns deles vestindo unha falsa semellanza da mortalla que levaría no seu enterramento, feito de tartana branca, amarela ou morada ao gusto que lle  cadraba a cada quen e levando candeas acesas.

O tal santo era daqueles que ían vestidos, moi fachendosos, con roupas de ricos panos pero soamente tiñan labradas a cabeza, as mans e as pernas ou os zapatos se os amosaban. Ou sexa, como aquelas bonecas antigas que só tiñan a cabeza e as mans de porcelana e o resto era un corpo amorfo e recheo de trapos ou relo de madeiras serradas que cubrían vestindo un traxe ou faldrón coma os que levaban os nenos o día de os bautizar. Pero este non era o caso do santo pois o resto do corpo era un armazón de madeira, basta e sen traballar, que nin sequera imitaba un corpo, de onde saía a cabeza, as mans e as pernas. Ou sexa, todo o que non tapaba o vestido. Ah! Pero se levantabas o vestido e mirabas entre os paus que imitaban as pernas, vías un ben dotado carallo. ¡Non tiña dúbida, era un santo!.

         

viernes, 4 de mayo de 2012

A BALEA VARADA

 A balea varada


Nestes días despexados pro fríos, é unha ledicia quentarse ao sol ao pairo do mainiño nordés nunha tasquiña das que hai no paseo de Panxón e repousar o ánimo oíndo o cadencioso bruído das ondas desfacéndose na praia e recrear a vista coa paisaxe onde se mesturan, ben compaxinados, os distintos azuis do mar e os verdes dos campos e das árbores do monte, salpicados do branco de casas e barcos, e ao fondo, tras das brétemas esvaecidas, a serra d`A Groba.
Cando era un rapaz, pasmaba oíndo un vello mariñeiro de Panxón que se gababa de que navegara polos sete mares e aprendera a marcar o rumbo non só coa guía da estrela Polar nos mares do Norte, senón que tamén era quen de guiarse pola Cruz do Sur, como pasara cando ía á Malvinas pola pescada austral ou pasaba o Cabo de Fornos para coller camaróns nas costas de Chile.
“O Caramuxo”, que por este alcuño lle tiraban os mariñeiros de Panxón pois segundo eles, o seu carácter e maneiras de facer, tiña máis voltas ca caramuxo, pero chamábase Xosé Expósito España, nome que tampouco era o que puidera ser o seu familiar propio, xa que a nai, solteira, deixárao no hospicio cando naceu, xa sen pai, -fora un dos cinco mariñeiros que morreran cando andaban pescando sardiña con dinamita e lles explotara a bordo indo o barco a pique - e ela non quixo que se soubese de quen era fillo. Por iso non puido estudar no colexio que se creou a carón do Templo Votivo para Orfos do Mar. 
Digo que eu pasmaba oíndolle a´O Caramuxo contar que vira unha morea de  baleas nas augas da Península Valdés onde todos os anos se achegaban a eses lugares para aparellarse as baleas. E pasmaba aínda máis, cando na area da praia debuxaba unha balea, un peixe que eu non coñecía, e o debuxo semellábaseme ao perfil que, dende o Val Miñor e contra o ceo, marca a serra da Groba. Contaba que as baleas tiñan o lombo cheo de marcas calcarias   formadas polas minchas e caramuxos que ían incrustando na pel facendo unha costra onde salientaban os debuxos de espirais do caracol. Tamén pasa coas algas que enraízan na pel e forman coma un mato no que aniñan e viven unha morea de bechos.
Logo, o Mito ou as historias da balea que tragou a Xonás –algúns debuxos espertaban as fantasías infantís amosando unha balea que tragaba un barco, dos antigos, de moitas velas e ata tres paus, dando a idea dunha balea monstro, xigantesca- facíame pensar nunha balea de enormes proporcións, que viñera varar a unha suposta baía en tempos prehistóricos e a deixaran desecada os cataclismos posteriores a carón do Val do Miñor e á beira do mar de Baiona.

E aínda quedan polas costas da prehistórica balea os petróglifos -riscos nas pedras en formas espirais que recordan os caramuxos e outras formas e debuxos-, verdes arbores que se moven cos ventos coma as algas do mar e non faltan animais quizais algúns descendentes dos chamados parasitos doutro tempo.
¡Pro o que non falla é a beleza con que contribúe á paisaxe!         

viernes, 9 de marzo de 2012

NOLO


Cando naceu, súa nai púxolle de nome Manuel, non se sabe se en recordo do pai, nunca se soubo quen fora, pois porque ela nunca o dixo. No lugar tirábanlle por Manoliño. Pero el, en canto pasou de picariño, dicía e gustaba que o chamase Nolo.
Nolo vivía coa nai nunha casiña, se pode chamárselle dese xeito a un alboio de cachotaría, terreño, dunha soa peza que servía para todo. Facía de alcoba, cun catre daqueles que daban en chamar “cama turca”, de cociña coa lareira chantada nunha das esquinas, sen cheminea saíndo o fume entre as tellas, unha pía de pedra que tanto servía para lavar as olas como para o aseo persoal, coa auga que carrexaban desde a fonte nunha sella daquelas de madeira con aros de latón, unha sola porta partida ao medio en dúas pezas na que a folla de arriba facía de fiestra, e daba ao camiño da Cabreira.
Xa desde ben pequecho, Nolo estaba afeito a valerse por si, pois a nai facía traballos de criada nas casas dos veciños e o Nolo ficaba só as máis das horas do día. Así é que logo se fixo un destemido, non lle tiña medo a nada, andaba ceibe polos camiños da Cabreira, aínda cos maiores, para meterlle medo a os picariños, sempre andaban a contar que andaba un can rabioso ou que andaba o sacaúntos tras dos rapaces.
Logo ampliou o ámbito das súas andainas escollendo para iso, os paraxes do monte a piñeiral das Cuvichas. Un día si e outro tamén, baixaba polo camiño da Cabreira, deixaba pola dereita o pazo de Pías e seguindo pola costaneira da Romana chegaba ao chan onde, nun tempo atrás, pasaran a feira que se facía no torreiro da capela de San Campio, nos terreos do recheo que fixera a compañía dos tranvías para construír a casa-estación e as cocheiras, cruzaba por diante do bar Galicia a estrada que leva a Gondomar.
Antes de pasar a ponte vella, parábase a ollar como traballaba, se é que traballaba, o ferrador que tiña o “choio” ao carón da ponte románica, ou pasmaba ollando para algunha das mulleres, como a pobre da señora Chuca que eivadiña como estaba, recollían entre as pedras das dúas pontes unhas algas de cor castaña cunhas bichocas máis claras, case amarelas, que nomeaban “botella”, que fervían para botarlle aos porcos, pois, naqueles tempos de fame que seguiron á mal fadada guerra, pouco ou nada había con que mantelos. Non lle tiraba ollar para os que andaban a pescar anguías ou sollas, nin por caso meterse el na auga para pescalas. ¿Mollarse?, ¡nin para se lavar!. O seu era o monte. Así é que pasada a ponte e subía polo Camiño Real, que comezaba fronte á casa de Cadaval e atravesaba as Covichas cara a Viso de Calvos dividindo os concellos de Baiona e Gondomar, cousa que el non sabía nin lle importaba res pois non era iso ao que podería sacarlle un algo, e chegando ao campo dos bolos paraba para pensar, se non o tiña xa pensado, que ía facer.
O monte das Covichas non tiña segredos para el, desde a casa de Cadaval a Viso de Calvos, desde a estrada de Borreiros á Reitoral de Santa Cristina e convento de clausura das monxas Carmelitas, non había ser que se movese que el non coñecese. Sabía das silveiras onde os xiríns achantaban os niños e os merlos escondían o rabo cando chovía. As árbores onde acougaban nas tardiñas, facendo unha grande algarabía, e de onde saían pola mañás cedo, rumbo aos campos e praias de lonxe, os corvos e as pegas. Coñecía as toupeiras, os buracos das cobras e da donosiña, e, como non, todas as coelleiras que houbese no monte das Cuvichas.

“O neno das piñas” Castelao

Para Nolo, as Cuvichas, non eran soamente un lugar de lecer, para Nolo, era a fonte de ingresos cos que axudaba a súa nai. Alí estaba o seu traballo e dedicábase a el coa profesionalidade dun oficial de calquera oficio, apañaba piñas que logo vendía polas portas. Sabia que as piñas tiñan pouco valor e se non eran grandes, ben abertas, secas pero douradas amosando o contido de resina que as facía arder e prender o lume na leña disposta na lareira, nas cociñas de ferro chamadas “tipo Bilbao”, no forno ou en calquera outra fogueira, non pagaba a pena ofrecelas, pois ou non as querían, ou non dan un “chavo” por elas. Nolo gabeaba, descalzo como acotío pois sempre andaba descalzo, ao máis alto dos piñeiros e vareaba naquelas piñas que sabía que non lle rexeitarían cando as fose vender. Logo, xa no chan, apañábaas escollendo as mellores e meténdoas a eito nun carriño de rodas de madeira que acugulaba asta os banzos pondo enriba aínda máis, metidas en sacos. Se non as tiña xa encargadas, comezaba a ofrecelas polas casas da beira da estrada de Baiona, dende a Porta do Sol ao cruce da Ramallosa.
Algunhas tardes do verán, aparecían polo monte, grupos de rapaces e rapazas, poucas veces máis dunha ducia deles, que viñan de folga e facer unha “chocolatada”. Chegando ao chan do campo dos bolos, poucas veces pasaban de alí, axeitaban unhas pedras e facían un fogar para asentar a pota enriba do lume que facían con piñas e paus que collían do redor, para quentar o leite e facer o chocolate que, unha vez feito, papaban acompañando a merenda dalgunha larpeirada como compango de pan branco, cousa que Nolo soamente cataba nos días de festa pois decotío comía pan de boroa, de millo. As rapazas vestían roupa de verán, faldriñas ou traxes de manga curta e calzadas con “tenis” de cores da marca Wamba que mercaban na tenda “Tejidos y Novedades Manuel Puga” ou na “La Espuma” que estaban as dúas no cruce da Ramallosa. Entre elas, habíaas que xa lle “arretoñaban as tetas” pero as que máis lle gustaban eran as louras. Había de ser que xa amosaba os gustos dos homes daqueles tempos que devecían polas mulleres de pel branca, por iso elas tapábanse do sol, con faldras ata os pés, camisas de mangas longas e panos na cabeza, e aínda, se o sol apertaba, cubrían con sombreiro de palla. Nolo agochábase para espreitar o que facían, asexábaas cando ían mexar, para sentir as aguilloadas do sexo que tamén a el lle comezaba a acordar. Tamén se agochaba porque tiña vergonza de que o visen polo xeito que amosaba. Imos ver: cubría a cachola cunha pucha vella e con algún buraco polo que asomaban pelos do floco, sinal de que o corte de pelo era “meidin Félix o Galán”, o barbeiro da Ramallosa; un cumprido pantalón con perneiras que chegaban por debaixo dos xeonllos, suxeito cun só tirador que cruzaba de diante atrás pasando polo ombreiro; unha camisa que podería ter sido branca, agora chea de esturro, coma todo el, polo lixo castaño da casca dos piñeiros, terra, mocos e outros indescifrables, apegados coa resina; e os pés descalzos. A figura non era para servir de modelo.
Nolo, coma tal, desapareceu ou mudouse de bisbarra como Manuel e os dous apelidos da nai, sen o alcume -“sin segundo”- con que aquela sociedade da posguerra marcaba aos fillos de solteira.
Desapareceu tamén, o consumo das piñas coa chegada dos electrodomésticos que arrombaron os lumes de leña. Desapareceu o costume das -“chocolatadas”-, agora a mocidade gusta de embebedarse co botellón. ¿E que pasou co monte das Covichas?. Tamén desapareceu, tragouno unha urbanización.

jueves, 26 de enero de 2012

AGORA É TEMPO DE LAMPREAS


Así é. Pasado o Nadal, comezan a subir polo río que as veu nacer hai arredor duns sete anos, de volta da misteriosa viaxe que as levou ata o mar dos Argazos sen que ninguén saiba, ata agora, o motivo de tan longa viaxe. Certo que a viaxe, aínda que longa, non é de esgotar moito, porque tanto na ida como na volta, aprovéitanse doutros peixes aos que se prenden coa boca, que teñen chea de afiados dentes. E non só viaxan de balde, senón que é a mantido pois zúganlle o sangue ao pobre do peixe. Tampouco se sabe como adiviñan o camiño que levan os peixes aos que se prenden, non llo preguntarán a sabendas do pago que lle van dar polo porte para que as leve, ou os leve, que hai machos e femias, preto do lugar onde queren chegar.

Agora é o tempo, no que parece ser que unha irrefreable “saudade” as fai volver ao lugar onde naceron e viviron preto de tres anos. Veñen perpetuar unha especie que vén de lonxe no tempo, atopáronse na China e na África fósiles de hai 360.000 anos. Na area do fondo do río, o seu río e non outro, o río que recordan polas sombras dos ameneiros das ribeiras, pola frescura das burbullas do aire que os rápidos envolven nas augas e que elas respiran polos sete buracos de cada banda da cabeza, polo sabor que lle dan ás augas a chea de microorganismos que levan con elas e das que se manteñen, nesa area, fan un niño de pedras que van xuntando en forma de circo levándoas coa boca. Os machos, nese intre, non son machistas e axudan a facer o niño onde a femia asenta uns 200.000 ovos que, por quendas, vai soltando canda unha apaixonada aperta dun macho, tampouco para iso son machistas pois póñense un tras outro a espera para frezar na femia, que colléndoa coa boca pola cabeza, roscase nela preméndoa para que solte os ovos ao tempo que el bota o esperma enriba deles. Dos ovos naceran as novas lampreas que pasarán uns tres anos enterradas nas areas do río de onde partirán para facer a viaxe cara ao mar dos argazos.

Este bicho, de certo que é feo coma un bicho, pásalle coma a moitas mozas que aínda que sexan feas están moi boas no seu tempo. Agora é o tempo das lampreas e hai quen marca o día de papalas. A coroa británica, tradicional ela, celebra o cabo de ano do pasamento do rei Enrique I, chamado O Sabio, que morreu dunha enchente de lampreas no mes de novembro de 1135. Novembro non é un mes moi doado para lampreas por iso lle deberon estragar a saúde. O 25 de marzo celebrase o día de San Hermelando, abade dun mosteiro asentado nunha fermosa illa no esteiro do Loira, río lampreeiro coma poucos, que farto de pasar fame, invocou a Deus para que lle mandase unha lamprea e mandoulla. Outros, como un veciño do Val Miñor, nado en Gondomar, convidaba todos os anos a xantar lamprea a uns corenta amigos, o día 1 de marzal, día de seu santo, Anxo. En lembranza de seu pai, un fillo non deixa pasar ese día sen papala.

Hai pouco, os veciños da parroquia de Mañufe ollaron, baixo a Ponte do Acordo, un algo que pensaron fosen lampreas. Fíxose unha investigación por técnicos da universidade e poderían ser os tales peixes, pero aínda non está certo que ó sexan. De ser certo, o Miñor sería un río onde ese criasen estes peixes que polo xeito de amarrase ás pedras coa boca, chuchona e coroada con 124 dentes, cádralle o nome de “lamepedras” e logo “filólogos das silveiras”, que os hai na bisbarra, farían a muda da verba “lamepedras” a “lampedras” chegando a “lampreas” do mesmo xeito que fixeron co nome Laureana derivándoo de “Laourensana” dando por certo que a tal Laureana viñera de Ourense para vivir en Gondomar.

Ata agora, os Miñoráns, para comer lampreas, tiñan que desprazarse aos pobos das ribeiras dos ríos lampreeiros como o Miño, o Umia, ou outros de máis lonxe, e pagaba a pena, agora non fai falla ir moi lonxe, pois unha familia dun pobo ben lampreeiro como é Sela do Concello de Arbo, onde aseguran os mais ilustres larpeiros que danse as mellores lampreas, asentouse na Ramallosa pondo un axeitado bar e casa de comidas chamado “O chedeiro” onde a cociñan de diversas maneiras.

viernes, 11 de noviembre de 2011

E tempo de Nadal


.

O sol asomase ao Val Miñor polo alto de San Antoniño, non moi cedo, sen quentura para deter a xeada que aínda campa nas herbas, nos recunchos umbráticos dos camiños e ao pe dos carballos. A friaxe dos seus raios enche de ouro a paisaxe salientando o amarelo dos vimbios que esperan o San Amaro, as vides non están podadas e as vidras semellan longos dedos deformados pola artrose. Arríncanse reflexos aceirados no río Miñor e no esteiros da Foz salpican as alburas das gaivotas ou das garzas remexendo as augas e axotar uns invisibles bechos que, facendo estraños e xeitosos movementos de danza,  atrapaba co largo pico.  No mar, resalta a branca escuma na rompente dos Farallons e nas illas, unha brétema, coma unha tea de araña, acabara, en canto o sol baixe por detrás da Groba, espallándose  polo Val todo, envolvéndoo de noite e de friaxe.
Noutro tempo, cando a xente vivía e a vida pendía mais do rural,  recollíase cedo, cando as galiñas ían paseniño camiño de inzarse no poleiro despois de que o galo les dera o derradeiro “repaso”. Se non ían aos ensaios da “parranda” que habería  de cantar os reis, quedaban ao carón da quentura da cociña e escoitaba ou contaba contos que, as mais das veces, alporizaban os nenos co medo, esperando a hora de arrombar o gando, logo de cear ir a alcoba a durmir.    

Así, un día con outro, seguíase esta rutina que soamente cambiaba o día do Nadal. Adiantábase un migallo a hora da cea, na que non fallaba o bacallau con coliflor, costume portuguesa das bisbarras de alén do Miño, algunha larpeirada mais, ben regadas co viño da casa e de remate o café con pinga de augardente, doces e unhas copiñas, a veces de mais, de anís, coñac ou ponche.
Despois, xa quentes, comezaba o cántico das panxoliñas e vilancicos. Cantaban todos xuntos, cantasen ben ou mal, e cadaquén botaba o seu, algúns tan coñecidos como:
                         Xesús meu neno
                         meu queridiño.
                         Entre unhas pallas
                         morto de frío.

                        Xesús meu neno
                        Meu queridiño.
                        Ai que puidera
                        darche un biquiño.
E como este, cantarían moitos mais, se non ían a Misa do galo.
D. Vitoriano Taibo, mestre da escola de Guillufe en Mogadans, algúns veciños aínda lémbranse hoxe del, escribiu esta fermosa panxoliña:
                              Alédate, alma, pois inda que hai neve
                              farto de lus, sorriso é o camiño,
                              e se o malvís non canta, a ponla espida
                              gard’ô o trino que foi nás xemas novas.
                             Desulladas da lúa desprendéronse,
                             nun sopire de amor tremolocente,
                             as farrenas que forman pola altura
                             pestanexando ledas, porque os mozos
                             dirmos a panxoliña, e o corazón,
                             balando levemete,é como un año
                             no cólo d’un pastor, en dôce oferta.
                             Non olles cara ô chan i o souto núo,
                             onde a neve se engorda c’a empurrada.
                             No boscaxe do ceo, suidade e estrelas,
                             nun seron de groria, hai niños de amor
                             sempre a lembrarnos –leda primaveira-
                             a cantiga da paz p’ra andar soleadas.
                            Axiña chegaremos -¡alma, alédate!-
                            trasvirados de lus e de armonia,
                            á terra de David c’a enxebre oferta,
                            neste aremo eternal que por nós chama,
                            neste balbor de gaitas e de anxos.
                           Regueiro manseliño.
                           Imonos, alma, e caian os meus ollos,
                           como chovisca de suidades ledas,
                           no bérce humilde de Xesús Meniño.

martes, 8 de noviembre de 2011

A volta dos nove


De rapaces, alá polos anos cincuenta, xuntabámonos na Ramallosa uns que vivían na bisbarra, como Antonio Roade, Fino Lorenzo, Tilducha Montaña, Maida Abal, Alvarito “o da Espuma”, o fillo do alcalde de Baiona Nardo Pereira, Marisa Abal, Rafa Mascuñana “o cínife”,….mais outros que viñamos pasar o verán, entre os que estabamos, Manolo Martínez, Manolo Valverde, Luís Zamácola “o leucocito”, Justo, fillo dun anticuario do Rastro de Madrid,…..e eu.
Todos tiñamos bicicleta, unhas, coma a miña, que non lle quedaba máis có imprescindible para andar, pois era herdada dos irmáns maiores ca min e a barra cambiábana de lugar ou para arriba se o herdeiro era home ou para baixo se era muller, eu facía o número oito e iso dá idea de como estaba aquel traste. O “artista”que facía os cambios era un rapaz chamado Miro, que traballara con meu pai, e que se fixo ciclista profesional con taller propio e puña tanto xeito nas reparacións que quedaban “coma novas” pero ao pouco tempo caíanlle os gardalamas, perdían os freos e había que frear metendo o pé contra a roda de atrás, e non falemos dos faros, porque nunca llos puña. A de Manolo Valverde era unha vella Adler, grande e pesada como para alemáns, pero tiña unha novidade, tiña freo “contra-pedal”,ou sexa, que cando en vez de darlle para adiante ó pedal, dábaslle para atrás, freaba e a pouco que descoñeceras o mecanismo, dabas co corpo no chan. Outras “maquinas”, como lle chamaban algúns paisanos, polo contrario, eran noviñas coma a do Alvarito “o da Espuma”, ou tíñanas moi ben coidadas, coma a do Nardo Pereira que lle facía “tuning”tan de moda agora nos coches e nas motos, pois enchíaa de luces e cromados.
Así é que, aproveitando este medio, moitas tardes faciamos excursións que pouco se alongaban dos eixos da estrada e case sempre acababan en Baiona, pois a praia América non había estrada, só un camiño de pé ao carón da vía do tranvía; cara a Vigo habiamos de subir a costa do alto de Mallón que non todos estaban dispostos a subila, así é que as alternativas reducíanse a dúas, ou iamos cara a Gondomar, ou cara a Baiona. Ao final encarabamos para Baiona que ofrecía máis posibilidades de divertimento. Contadas veces nos propuñamos pasar de Baiona e chegar a cabo Silleiro, porque ir íase ben, pero ao volver, non sei por que, sempre tiñamos o vento en contra, por iso dabamos unha volta pola rompente, lugar que chaman “Rompeolas”,achegándonos a ver se na curva de antes de chegar a Baredo estaban marcadas na area da beiravía nove cruces, cuxo significado, daquela, non coñeciamos.
Falabamos daquelas marcas, con medo, como sinais misteriosos que algo tiñan que ver co máis alá, que volvían aparecer se as borrabas, sen saber quen as repuña, ou como aparecían de novo. Con medo, con moitísimo medo, borrabámolas, coidando que ninguén nos ollase, logo quedabamos á espreita para ver se aparecían, cousa que non pasaba no intre, pero sospeitabamos que pola noite alguén, vivo ou pantasma, as marcaba de novo.
Tampouco ninguén falaba moi alto do porqué daquelas marcas. Contábanche, si, que as marcas aparecían alí e que aínda que as borrases volvían saír, pero non falaban do seu significado, e ti dábaste conta que algunha cousa agachaban.
Houbo de pasar moito tempo para que as linguas alzasen a voz para falar daquel agochado feito, desvelándose, polo menos para min, a razón do que eu tiña coma misterioso e esotérico. No porto de Baiona había un barco atracado no que se amosaba unha exposición e íase falar da VOLTA DOS NOVE. Alguén viña de volta. Nove eran os que viñan de volta, non caía na conta de que a volta era a curva, a volta da estrada de Baredo, e as nove cruces, os nove homes aos que inxustamente, unha noite, supoño que habería de ser no escuro da noite, escondendo o escuro de malfadadas ideas e feitos criminais, lles foi arrebatada a vida naquela volta.
E si, si que era a VOLTA DOS NOVE. Volvían, non se foran, mandáranos para o alén cunha carga de bala e un cargo intolerante, e agora a memoria, a MEMORIA HISTORICA, falaba ben alto e ben claro, recuperábaos para os que quedaban das súas familias, fillos ou netos, dos compañeiros e veciños do pobo, que xa poden falar sen medo e contar que pasou, como se viron inxustamente castigados polas súas ideas.
Volveron os nove, e na VOLTA DOS NOVE, o pobo xa non volveu marcar nove cruces na beiravía, xa non tiña medo a que a Garda Civil que as borraba soubese quen, unha e outra vez, con insistencia, as repuña, e levantou un monumento na súa lembranza e testemuño da represión a que foi sometido o pobo por un réxime historicamente ilegal.
Agora na volta, unha peza de bronce semellando o tronco de arbore, sen pólas, sen follas, sen vida, recorda aqueles aos que lle riparon as pólas, as follas, a vida. Darredor, loureiros novos, cheos de esperanza e de vida. E no fondo a paisaxe do mar, por veces bravo e bruando, por veces maino e calado, como a vida mesma, reflectindo a luz dun sol que cando non se agocha entre as nubes, agóchase alén do horizonte infindo, como un pasamento.








Os frades de Vilariño



Cando no ano 1910 se instaurou a República en Portugal, foron expulsadas daquel País as Ordes Relixiosas, e un grupo de frades franciscanos foron acollidos polos descendentes do Conde de Gondomar dándolles acougo no seu Pazo, onde estiveron ata que remataron as obras de axeitar para convento un pazo, chamado de “Quirós”, en Vilariño, no concello de Nigrán, que mercara uns anos antes a Provincia Franciscana de Portugal para casa de formación da Orde. Neste convento finou no ano 1920 o Cardenal Patriarca de Lisboa, Xosé Sebastián Nieto.
Logo de chegar, comezaron o seu labor evanxélico, pondo moita énfase na prédica das virtudes e feitos de San Antonio, que axiña prenderon nas xentes da bisbarra que chegaron a formar un grupo de fieis “Antonianos”, cunha agrupación de rapaces, chamada Xuventudes Antonianas, nas que participaban unha morea de nenos, rapaces e mozos do Val Miñor.
Este espírito tamén prendeu no padre Américo, Américo Monteiro de Aguiar, nado en Portugal e que no ano 1923, de  volta de Mozambique, ingresa no convento de Vilariño como postulante e toma o hábito franciscano ao ano seguinte.  O padre Américo está proposto para ser beatificado polo seu labor de axuda e acollemento dos nenos e dos necesitados fundando as institucións, que se estenden por todo Portugal e Colonias: a “Casa do Gaiato”, para acollida de nenos;  os “Lares de familia”, para familias e rapaces que traballan ou estudan; e “O Calvario”, para abrigar a doentes incurábeis.  
Un dos costumes que arraigou nas xentes da bisbarra foi o de pedirlle a San Antonio

, que axudase a encontrar algunha cousa perdida, rezándolle o responso e, por suposto, ofrecéndolle un algo, se a cousa perdida daba en aparecer. Inda hoxe hai moita xente que sabe o responso e acode ao santo para encontrar aquilo que non dan atopado. Tamén é certo que moitos achácano de interesado, que agocha as cousas por mor de acadar a esmola ofrecida, chegan a facer contas co Santo sumando as ofertas e descontando, ou rebaixando, aquelas nas que supoñen o engano do Santo.
Por se alguén quer facer a proba, aí vai o responso:


Se buscas milagres
mira morte e erro desterrados,
miseria e demo fuxidos,
leprosos e enfermos sans.

O mar sosega a súa ira,
redímense encarcerados,
membros e bens perdidos,
recobran mozos e anciáns.


O perigo retírase,
os pobres van remediados,
cónteno os socorridos,
dígano os paduanos.

O mar sosega a súa ira...

Gloria ao Pai, gloria ao Fillo,
gloria ao Espírito Santo.

O mar sosega a súa ira...

Roga a Cristo por nós
Antonio gloriosos e Santo,
para que dignos así,
das súas promesas sexamos.
Amén.

 Un dos frades, chamado Padre Benedicto, daba clases de latín aos estudantes de bacharelato

, que non ían moi ben, ou no verán, aos que  suspenderan os exames de xuño. Entre estes últimos, había máis dun rapaz dos que viñan pasar a tempada do verán. As clases dábanse no refectorio, como lle chamaban os frades ao comedor, onde, dicían os estudantes, cheiraba a potaxe de fabas, e, máis dunha vez divertíronse ollando os chimpos que daban as pulgas por riba da mesa. Destes bos estudantes houbo catro dunha familia que pasaba o verán na Ramallosa, que subían ata Vilariño, nunha tan vella bicicleta, sen gardalamas, sen luces, e ata sen freos. Un subía montado na bicicleta, os outros ían a pé. Pero baixar, baixaban os catro. Un, erguido, apoiando os pés nos saíntes do eixo da roda de atrás e as mans nos ombreiros do que ía sentado no “sillin”, outro que guiaba e pedaleaba, e o cuarto sentaba o cu no “manillar”.
Outro frade, o Padre Luís, un home fraco e espelido, de palidez transparente, mirada acuosa e pelo albo que recordaba a imaxe dun apóstolo dos pintados polo Greco, acadou fama de santo naquela bisbarra e en poucas casas deixou de faltar unha fotografía, como se foxe unha estampa.
Para quen era un santo era para as “estraperlistas” que gañaban a vida traendo do veciño Portugal, mercadorías que estaban a faltar neste lado da fronteira, como fideos, café “Sical o mellor café de Portugal”,…. . Estas mulleres pasaban a “raia” con Portugal no tren, que os portugueses deran en chamar “o foguete”, pois para eles desenvolvía

velocidades de vertixe, que viña desde Porto a Vigo. Eran perseguidas pola Garda Civil, que como pouco requisáballes a mercadoría, por iso, os maquinistas do tren, que algo gañarían así, ao chegar ao lugar de Canadelo antes de Vigo, baixaban a velocidade para que elas puidesen tirar pola fiestra os paquetes, que outras, alertadas co chifro que o maquinista lle facía largar á locomotora, de acordo con elas, recollían a toda présa. O malo era que ás veces a Garda Civil subía ao tren polo camiño e facía a requisa nos vagóns e elas apurábanse a agachar os paquetes onde puidesen, máis dunha vez debaixo dos hábitos do compracente frade, que, sorrindo beatificamente, saudaba aos gardas, que non sospeitaban, ou non se atrevían a rexistralo, pois naquela España, sobre todo a da posguerra, os relixiosos tiñan moito poder e cumpría respectalos.          
O padre Luís
Non é que fosen moitos máis os que vivían no convento, entre eses poucos había un, dos que chaman irmán lego, que se encargaba dos traballos nos campos, da horta, do gando, da cociña,….do “labora” máis que do “ora”, da máxima da vida nos conventos, “ora et labora”, ao revés dos monxes, que practican máis o “ora” que o “labora”. A este irmán lego gustábanlle as faldras, non as que el levaba por hábito, gustábanlle aquelas co as que cubrían o corpo as mulleres, mozas ou non tan mozas, mellor dito, gustábanlle as mulleres que levaban dentro, pois, digámolo xa, era “mullereiro” máis ca “faldriqueiro”.
O caso é que cando o recriminaban polas súas eivas, feitos e desfeitas que con iso provocaba, lembrándolle o inferno e castigo que nel lle esperaba, respondía:

-Si, si, algo diso hai, pois o Padre Luís pondérao moito.